Sunday 28 de April de 2024

Medio Ambiente e Mar colaborarán para adaptar os portos autonómicos aos efectos do cambio climático


— O departamento de Medio Ambiente achegará preto de 132.000 euros para financiar os traballos, que se encargará de executar o organismo autónomo Portos de Galicia

— Faranse estudos para analizar a vulnerabilidade de cada tramo de costa ante os efectos do quecemento global, ao tempo que se deseñarán accións e medidas a futuro que garantan a resiliencia climática destas zonas e das súas infraestruturas

— Este novo proxecto enmárcase na Estratexia galega de cambio climático e enerxía, que presta unha atención especial ás necesidades de adaptación dos usos costeiros

As consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar colaborarán para adaptar os portos autonómicos aos efectos do cambio climático. As conselleiras Ángeles Vázquez e Rosa Quintana asinaron esta mañá en Sanxenxo un convenio de cooperación para elaborar plans de acción necesarios para adaptar os terreos de cada zona portuaria, así como as súas infraestruturas.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará 132.000 euros para financiar os traballos que abordará o organismo autonómico Portos de Galicia e que consistirán na elaboración de estudos para coñecer a vulnerabilidade de cada tramo de costa fronte aos efectos do quecemento global.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que facendo un seguimento do aumento do nivel medio do mar ou da temperatura superficial do mar, así como da súa acidificación; poderán establecerse medidas en plans de acción que aumenten a resilencia da costa galega.

Unha das principais medidas será a implantación dun sistema de alerta temperá, que integre a previsión meteorolóxica con información específica sobre as condicións de navegabilidade nas canles de navegación, axitación interior no porto ou condicións de pase e inundación.

Defendeu que esta colaboración interadministrativa –que está recollida no Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023, o primeiro plan para o desenvolvemento da Estratexia galega de cambio climático e enerxía- cumpre co obxectivo de facer de Galicia parte da solución dun fenómeno global, como é o cambio climático, e para protexer a costa galega, un espazo que acolle unha gran actividade socioeconómica, desde a pesca comercial e deportiva ata o transporte marítimo, sen esquecer o turismo que acollen os concellos pesqueiros.

Ángeles Vázquez destacou que o Goberno galego ten iniciativas por un importe de medio millón de euros para detectar as necesidades da costa galega, pois ambos departamentos xa impulsaron un proxecto similar co que coñecer as previsións de risco de temporais, obxectivo principal do proxecto Mar Risk.

A esta medida tamén se suman os traballos para crear unha base de datos xeorreferenciados relativos aos recursos, instalacións, usos do territorio e actividades vulnerables ao cambio climático; un proxecto realizado a cargo do Plan de impulso ao medio ambiente para a adaptación ao cambio climático (PIMA Adapta Costas), cun investimento de case 370.000 euros.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou que este convenio permitirá afondar no estudo do cambio climático e preparar ás zonas portuarias para os retos derivados del. Neste sentido, lembrou que Galicia conta con 122 peiraos de titularidade autonómica que son fundamentais para o desenvolvemento económico da súa contorna e unha peza clave na creación de emprego e riqueza.

Por iso, Rosa Quintana incidiu na importancia de avaliar os retos derivados do cambio climático na comunidade para poder afrontalos e mitigar o seu impacto garantindo o desenvolvemento futuro das actividades costeiras e especialmente as relacionadas coas zonas portuarias.